Preparación Co forno posto a prequecer a 200º e cun chorro de aceite de oliva, comezarase por asar os pementos (previamente cortados en tiras) no forno durante 40 minutos aproximadamente. Unha vez que se metan no forno, pódese baixar o lume a uns 180º. Para a salsa barbacoa, douraranse os allos e a cebola, engadiranse os pementos asados co resto de ingredientes (a metade dun chile e a salsa de soia) e triturarase a mestura, resultando nunha salsa untuosa. Ao tempo que están os pementos no forno, daráselles un golpe de cocción aos espárragos cun chisco de sal para acto seguido pasalos pola prancha e reservalos. Coa salsa barbacoa xa preparada, botaráselles sal e pementa ás peitugas de polo e bañaranse dentro da salsa barbacoa, selándoas na prancha volta e volta e introducíndoas no forno xunto os pementos cando a estes lles queden 10 minutos. Para finalizar, nunha tixola con aceite quente, douraranse as patacas. Pódense cortar como se queira, pero para esta receita recoméndase facer patacas palla, cortadas en tiras moi finiñas. Presentación Pódense cortar as peitugas de polo en medallóns e servilas xunto cos pementos, os espárragos e as patacas fritidas. A salsa barbacoa porase nunha salseira, á parte.