Preparación Primeiro mesturarase o leite, os ovos, a auga, o azucre e o sal nunha cunca e baterase ata que a masa sexa homoxénea. O seguinte paso será peneirar a fariña pouco a pouco e mesturar todo para que a fariña se xunte correctamente coa masa e non quede grumo ningún. Engadirase un chorriño de aceite na mestura e continuarase remexendo. Deixarase repousar a masa arredor de 15 minutos; o seguinte paso será preparar as filloas. Moitos galegos teñen unhas tixolas especiais chamadas filloeiras nas que se poden facer varias á vez pero, de ser a primeira vez, é mellor ir unha por unha. Nunha tixola (que non se pegue), untarase un pouquiño de touciño e botarase un chorro de aceite. Cando estea quente, verterase a masa cun cullerón dos que se empregan para as potaxes no centro da tixola. Unha vez que a mestura estea na tixola, deberanse facer movementos circulares para que a masa se estenda correctamente. A idea é que quede unha capiña final que cubra a base da tixola. Cando as beiras empecen a se dourar é momento de lle dar a volta. Pódeste axudar cunha espátula para que non rache. Non te preocupes se as primeiras saen mal, é normal que rachen ou se queimen. Seguro que as seguintes che sairán perfectas. As filloas pódense encher as ao gusto: nata, chocolate, crema… Hai infinidade de variedades para as converter nunha sobremesa especial. Presentación Servimos as filloas nun prato con azucre glas por encima