Preparación Nun morteiro, picaremos os dentes de allo, o pirixel, unha presa de sal e un chorriño de aceite e machucarémolo todo. Se che apetece, podes engadirlle un chisco de pementa moída para lle dar un toque diferente. Cando teñamos o prebe preparado, cortaremos o segredo de porco en dados non moi grandes e prepararemos os espetos para a grella. Intenta que os anacos sexan o máis uniformes posible. Botaremos prebe ao gusto e deixarémolo mentres preparamos a gornición. Nunha tixola, prepararemos as verduras salteando os pementos e a cabaciña e coceremos a cabaza (arredor duns 20 minutos). Unha vez que as verduras estean na tixola, xa podemos pór os nosos espetos de segredo de porco na grella e deixar que se fagan ben polos dous lados. Presentación Podes presentar este prato colocando unha base de verduras no prato, o espeto enriba e rematando cuns brotes tenros.