Preparación Comezaremos preparando a masa para a empanada Poremos a fariña nun mesado, facendo un círculo no centro para botar un chorriño de aceite, a auga, o sal e o lévedo e mesturaremos todo amasando lentamente ata conseguir unha masa homoxénea e elástica coa que poidamos traballar. Unha vez que teñamos a masa feita, faremos unha bóla, apartarémola e deixarémola repousar 40 minutos. O seguinte que faremos será a gornición para a empanada. Cortaremos a cebola en xuliana, moi fina, e porémola a fritir nunha tixola. Unha vez que estea ben pasada, engadiremos o polo cortado previamente en taquiños non moi grandes. Agora é o momento de estender a masa dividíndoa en dúas partes: unha será a parte de abaixo e a outra a tapa ou parte de arriba. Colocaremos a parte de abaixo nunha bandexa de forno cuberta con papel especial para enfornar. Podes engraxar un pouco o papel para que non se pegue. Sobre esta parte, botaremos o sofrito de cebola e polo. Picaremos o tomate e os pementos moi finos e engadirémolo tamén á gornición. Colocaremos a parte de arriba co outro anaco de masa pechando ben os bordos para a selar e cunha brocha de cociña, pintaremos a empanada co ovo. Para finalizar, prequentaremos o forno a 200º e pasados 15 minutos, meteremos a empanada a 180º deixándoa 25-30 minutos. Vixía ben o tempo do forno xa que se require menos tempo ás veces. Presentación Sacaremos a empanada do forno e deixarémola temperar para servir sobre unha bandexa ríxida de cartón cun mantel de papel branco, por exemplo.