Preparación Esta receita de costela de porco ao forno, aínda que leva o seu tempo, é unha auténtica delicia. O costelar de porco Selecta está alimentado con castañas. Estas pezas Selecta fanse primeiro no seu zume e protexidas para que non se resequen durante 90 minutos e despois, convertidas nun bocado extremadamente brando e zumarento, gratínanse ao forno. Non vos é a receita máis rápida, mais si unha das máis sinxelas e deliciosas. Proceder aproximado: Deixamos a manteiga a temperatura ambiente e mesturámola coa cullerada de salvia seca, os 2 dentes de allo relados, o sal e as pementas. NOTA:a manteiga aderezada que nos sobre despois do asado gardarémola e reutilizarémola para facermos sofritos, gratinar patacas, etc… Untamos as tiras de costela de porco Selecta con esa mestura. Facemos un papillote ben pechado con papel de aluminio e envolvemos as tiras do costelar de porco Selecta. Para facilitar o asunto, pódense cortar as tiras ao medio e dispor unha metade sobre a outra para que resulte máis cómodo facer os paquetes. Introducimos os papillotes no forno a 200º durante 90 minutos. Mentres se fai a costela de porco ao forno, cocemos unhas pataquiñas de gornición. Podémolo facer nunha tarteira, de xeito convencional nuns 30 minutos, ou podémolo facer ao vapor no microondas nuns 9 ou 10 minutos. Cando as patacas estean ben brandas, cun vaso robusto ou cunha prensa de verduras, machucámolas un pouco ata que rompan lixeiramente e reservámolas. Unha vez finalizado o tempo de asado, retiramos os anacos das costelas de porco ao forno do paquete de aluminio, colocámolas nunha fonte de forno, arrodeamos a carne coas patacas e vertemos sobre ambas as dúas o líquido que quedará no fondo dos papillotes. Engadimos un chisco máis de sal e pementas, só sobre as patacas, e gratinamos a 250º uns 20-30 minutos ata que colla todo unha bonita cor dourada. E estará lista a nosa deliciosa costela de porco Selecta ao forno con manteiga e salvia! Bótalle tamén un ollo á nosa receita de costilla á barbacoa. Presentación