Preparación Comezarase por pelar as castañas e por pólas a ferver uns 12 minutos aproximadamente. Cando pase este tempo, deixaranse arrefriar e quitaráselles a segunda pel que levan. Antes de preparar o solombo, pódese preparar esta deliciosa gornición: pasta con pemento e cenoria. Cortaranse as verduras en tiras finas e ferveranse xunto cos tallaríns entre 10 e 15 minutos. Mentres se coce a pasta coa gornición, pódeselle botar sal e pementa ao solombo. Nunha tixola cun chorro de aceite poranse os dous dentes de allo golpeados e sen pelar e dourarase a peza de solombo (previamente cortada ao gusto). Cando o solombo estea dourado, regarase cun chorro de brandy e deixarase a tixola a lume baixo uns minutos. Cando se evapore un pouco a salsa, apartarase a tixola do lume e prepararase a salsa. Nunha tixola cun chorro de aceite, engadirase a cebola e o porro en anacos. Unha vez que o sofrito estea listo, mesturarase coas castañas en anacos e engadirase un vaso de auga e un pouco de sal. Deixarase cocer todo uns 7-8 minutos e despois pasarase a mestura polo batedor ata que quede un prebe homoxéneo. Presentación Porase nun prato un pouco do prebe de castaña co solombo enriba e o acompañamento da pasta coas verduras nun prato á parte.