Preparación Para esta receita recomendamos ter feita a salsa de tomate caseira previamente. É ben sinxelo: pór a quecer un chorriño de aceite nunha pota e engadir a cebola e o allo picados finalmente. Cando a cebola estea transparente, engadiranse os tomates pelados previamente e deixarase cociñar arredor de 20 minutos. Cando case estea lista, pódese botar media cullerada de pemento doce, media de azucre (se che sabe aceda) e algunha especia ao gusto (tomiño, romeiro, albaca..). Unha vez que a salsa estea feita, reservarase e deixarase arrefriar. Quentarase a auga nun cazolo grande e, unha vez que empece a ferver, introduciranse as láminas de lasaña unha a unha para que non se peguen. O seguinte paso será cortar as verduras en anaquiños pequenos (a cebola, o allo, o pemento verde e a cenoria) e sofritilas nunha tixola. Primeiro a cebola e o allo ata que se douren e despois botarase o resto e deixarase arredor de 15 minutos. Unha vez que se teña o sofrito, engadirase a carne xunto coa pementa negra e unha chisca de sal ata que se vexa que a carne vai cambiando de cor e está suficientemente cociñada. Cando a carne estea lista, engadirase medio vaso de viño branco (esperando uns 4 minutos a que reduza) e a salsa de tomate (deixando medio vaso). Mesturarase todo e retirarase do lume pasados outros 4 minutos. Para montar a lasaña, botaranse no fondo e por riba das láminas unhas culleradas da salsa de tomate restante e engadirase entre lámina e lámina unha capa da mestura da carne ata obter varios pisos. Por último, relarase o queixo parmesano por riba e enfornarase a lasaña nunha bandexa durante 12 minutos a 190º coa opción do gratinador posta. Presentación