background blog

Comunicación

As últimas noticias das nosas canles
Noticias
18/01/2023

Coren acolle o encontro empresarial “Desafío CEO” sobre os retos que afrontan os directivos no contexto actual

  • A xornada, organizada por Improven e o Círculo de empresarios, contou co presidente de Coren, Manuel Gómez Franqueira, como anfitrión

  • Dirixentes de destacadas compañías, como Vegalsa-Eroski, Copasa, Exlabesa, Ribera Salud, Inasus e Vinos y Bodegas Gallegas reflexionan sobre a “receita“ para afrontar un escenario “incerto” facendo da crise unha oportunidade

  • Rendibilidade, propósito compartido, equipo comprometido e toma de decisións para resolver o curto e constituír o longo prazo, claves ás que se enfrontan os empresarios

As empresas viven unha situación crítica que as leva a tomar decisións cada vez máis rápidas, urxentes e non sempre aliñadas cunha estratexia reflexionada, o que incrementa o risco de se trabucar. Neste contexto volátil, énos fundamental refrescarmos o propósito empresarial e compartírmolo co talento interno e externo adecuado para termos unha visión a longo prazo e sermos quen de xestionar o curto prazo.

Estas foron unha das principais conclusións do encontro empresarial Desafío CEO, unha iniciativa de Improven e do Círculo de Empresarios de Galicia, que se celebrou desta vez na sede do Grupo Coren en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense) e que contou co seu presidente, Manuel Gómez Franqueira, e o seu director xeral, Emilio Rial, como anfitrións.

O obxectivo da xornada foi a posta en común dos retos actuais aos que se enfrontan os directivos nun escenario global incerto, co título Desafíos CEOs 2023, que centrou a intervención de Sergio Gordillo, socio director de Improven, ante os presentes.

Precisamente, o máximo responsable de Improven explicou que esta situación afecta a todos e que “só os que tomen as boas decisións melloran a súa posición competitiva. Por iso é moi importante que o CEO se arrodee de talento crítico que o rete a se facer as preguntas clave do seu negocio e que o axuden a tomar e implantar as decisións consecuentes”.

Para capear a “tormenta perfecta” que está a provocar a guerra, a crise enerxética e de materiais, o socio director de Improven destacou a necesidade de “tomar decisións nun entorno convulso e dinámico, afrontando os retos que presenta o día a día, rodeándote do talento axeitado e cunha visión clara do longo prazo. Agora máis ca nunca, o propósito empresarial é unha guía imprescindible na toma de decisións”.

“Da preocupación hai que pasar á acción”, afirmou Gordillo, que ve fundamental afrontar a xestión empresarial desde a “bifocalidade”, é dicir, “ver en curto e longo prazo, estando no día a día, pero vendo os retos que se nos presentan para transformarmos o negocio”.

De igual xeito, seguindo o exemplo de Coren, pediu non esquecer o propósito fundacional de cada compañía, cunha clara vocación social, e buscar a excelencia para medrar e facer un uso eficiente dos recursos.

O presidente do Círculo chama a “sermos valentes”

Na presentación do encontro, o presidente do Círculo e do Grupo Rodman, Manuel Rodríguez, analizou a situación económica, “na que España resiste máis e mellor ca outros países do seu entorno”, e animou os presentes a veren na crise “unha oportunidade, sendo valentes e apostando polo talento para o progreso das nosas empresas”.

Neste aspecto coincidiu o presidente de Coren, Manuel Gómez Franqueira, que destacou “o valor do equipo, que debe estar orientado aos resultados” para crear riqueza en toda a comunidade.

Esta cita contou con destacados dirixentes de empresas do sector da saúde, agroalimentario, das infraestruturas e da construción, que ofreceron o seu punto de vista no debate de Desafío CEO moderado por Andrés Alonso Seisdedos, asociado de Improven.

Participaron no diálogo Joaquín González, director xeral de Vegalsa-Eroski, Alfredo Blanco, conselleiro delegado de Copasa, Xabier García, director xeral de Inasus, Manuel Vázquez, director xeral de Vinos y Bodegas Gallegas, Elisa Tarazona, conselleira delegada de Ribera Salud e o CEO de Exlabesa, Francisco Quintá.

Todos coincidiron na necesidade de se “anticipar”, unha aprendizaxe fundamental durante a pandemia, en se arrodear de talento “sabendo responder aos retos dos novos profesionais, que buscan flexibilidade” e en ver na crise “unha oportunidade” para se diferenciar da competencia e innovar nun escenario global e dixital.

COMPARTIR:
LinkedIn

Entradas relacionadas