En Coren levamos 60 anos dedicados ao sector agroalimentario e, desde o principio, os nosos esforzos centráronse na procura da excelencia para ofrecermos aos consumidores produtos da máxima calidade, mantendo o carácter tradicional na crianza e na elaboración. O máximo benestar e coidado na crianza dos nosos animais e o absoluto respecto polo medio ambiente, na firme defensa dunha produción sostible, constitúen os valores fundamentais nos que se asenta o noso traballo e cos que estamos plenamente comprometidos. O bo facer dos nosos cooperativistas e traballadores converteu Coren na maior cooperativa agroalimentaria cárnica de España cunha estrutura produtiva moderna e ben dimensionada, preparada para afrontar os retos dun mercado globalizado. A nosa constante aposta pola innovación permitiunos ir por diante do sector en moitas ocasións, converténdose nun dos nosos eixes de crecemento. Así, en Coren fomos pioneiros en implantar sistemas de trazabilidade que avalan a completa seguridade na cadea alimentaria e aplicamos exhaustivos controis de calidade en cada fase do proceso produtivo. O compromiso con Galicia e co campo galego é outro dos aspectos que sempre definiron Coren: demostramos que existe futuro no rural desde un modelo cooperativista. Toda a nosa rede de industrias e produción está en Galicia, polo que os nosos produtos son 100 % galegos. A día de hoxe, e como froito da aposta de Coren pola internacionalización, chegan a mercados internacionais de 55 países, mais sempre mantendo as nosas raíces. Coren non sería posible sen as máis de 7.000 familias que forman parte da cooperativa. Co seu compromiso e ilusión, seguiremos afrontando os retos que están por vir. E, por suposto, grazas a todos os nosos clientes e consumidores pola confianza que cada día depositan en nós porque eles son a nosa razón de ser.